PORTO DO SON> Dende o pasado 10 de maio a Plataforma leva convocando concentracións tódolos venres en distintos centros de saúde da comarca para denunciar a situación na que se atopa a atención primaria.
Hoxe fíxoo en Porto do Son, para dar a coñecer a problemática que se vive neste Concello, vinculada principalmente co servizo de pediatría e co de comadroa.
A entidade presentou hoxe un escrito á Xerencia de Atención Sanitaria de Santiago para que busca unha solución alternativa a que está dando ás mulleres embarazadas deste municipio que teñen que ir a Boiro para seren atendidas.
Pero o problema da matrona non é o único. Tamén denuncian a situación que dende hai tempo padece o servizo de pediatría neste centro de saúde.
Dende o BNG local entenden que o problema non está na falla de pediatras, senón nos recortes e na falla de investimentos.
Na concentración desta mañá en Porto do Son tomou parte tamén o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro.
O líder dos socialistas galegos denunciou, ademais do nulo investimento, unha falla total de planificación por parte do Goberno da Xunta.
Segundo el, para o Partido Popular a atención primaria non é unha prioridade.