Unha trintena de navegantes participan na Travesía Náutica Xacobea dende o porto de Barbate

GALICIA> Trala recepción ós participantes no porto de Barbate, unha trintena de navegantes partirán da localidade gaditana para participar na Travesía Náutica Xacobea 2022 que conectará por mar a Andalucía e Galicia.

Está previsto que os veleiros arriben á nosa comunidade o día 10 de xuño, cando atracarán no porto deportivo de Baiona. O día seguinte partirán cara Portonovo con escalas en Cangas e Vigo, mentres que o día 12 de xuño completarán a etapa entre Portonovo e Ribeira pasando por Cabo de Cruz. A expedición marítima rematará o día 13 no porto deportivo de Portosín, onde os participantes alcanzarán a meta por mar. Completarán o resto do percorrido a pé, seguindo o Camiño portugués ata Compostela para gañar o xubileo.

Esta ruta marítima, organizada pola Asociación de Náuticos de Galicia (ASNAUGA) busca promocionar o camiño por mar cos portos deportivos da nosa comunidade como entrada  de peregrinos e enlace cos camiños oficiais de peregrinación por terra.

Ademais de aproveitar o reclamo turístico que supón este ano xacobeo, a intención de Portos de Galicia é consolidar o turismo náutico na nosa comunidade como unha aposta de futuro baseada na excelencia dos servizos que ofrecen as instalacións náuticas galegas. Así, unha delegación de xornalistas especializados procedentes de toda Europa realizarán tamén a travesía nunha embarcación oficial para dar a coñecer as bondades desta ruta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí