O PP súmase á campaña veciñal de recollida de sinaturas para reclamar medidas de seguridade cidadá en Pontevedra

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra fai súa a recollida de sinaturas que hai unhas semanas comezaron os veciños e comerciantes da contorna da praza da Ferrería para esixir medidas de seguridade cidadá. Rafa Domínguez explicou que a intención é unir forzas e dar pulo a esta campaña, que leva recollidas ao redor de 800 sinaturas.

Cunha carpa na Praza da Peregrina, o Partido Popular de Pontevedra quixo dar pulo á recollida de sinaturas que hai unhas semanas iniciaron os veciños e comerciantes da praza da Ferrería.

Esixen ao goberno local que tome medidas para solucionar os problemas de inseguridade cidadá que se veñen rexistrando en tres puntos da cidade: Ferrería, Galerías Oliva e Campolongo.

Os populares tamén levarán está cuestión ao vindeiro pleno. Será cunha moción reclamando que se cambie a ordenanza municipal reguladora da convivencia cidadá, dando máis ferramentas á Policía Local para que impida o consumo de alcohol e drogas na rúa. Tamén piden que se reforce o departamento de Servizos Sociais e que o alcalde se reúna coa Policía Local e cos veciños afectados.

Esta campaña leva recollidas ao redor de 800 sinaturas.