Papá Noel percorre os concellos das Rías Baixas recollendo as cartas da rapazada

VILAGARCÍA> Papá Noel chegará esta noite, en canto vaiamos para cama, a todos os fogares. Pero antes percorreu practicamente todos os concellos da nosa contorna, nunha axenda tan apretada como máxica.

En Vilagarcía, fixo un percorrido polo centro da cidade. Arrancou no concello e atravesou varias das principais rúas comerciais saudando e sacando fotos coa xente. A súa última parada foi a Aldea de Nadal, instalada este ano na rúa Clara Campoamor. Alí, Papá Noel ofreceu unha recepción para todos os nenos e nenas da cidade. Os pequenos tiveron oportunidade de entregarlle as súas cartas, falar con el e tamén sacar fotos.

A Aldea de Nadal de Vilagarcía, por certo, vai estar aberta ata o 5 de xaneiro, con distintos postos e tamén un amplo programa de actividades, pensadas para todos os públicos.

Ademais, tamén en Vilagarcía, pero xa este venres 26, terá lugar na Praza de España a tradicional chocolatada de Zona Aberta, con animación de Cé Orquestra Pantasma.