‘Valor Extra’: o balance da Deputación de Pontevedra dos tres anos de goberno de Luis López

PONTEVEDRA> Hoxe na Deputación de Pontevedra foi día de facer balance dos tres anos do goberno encabezado polo presidente Luis Lópéz. Como resumo, o popular destacou que neste tempo se realizaron máis de 2.000 obras, 600 millóns de euros mobilizados e iniciativas centradas no apoio a concellos e colectivos veciñais. Ao acto celebrado no Pazo Provincial baixo o lema ‘Valor extra’ estiveron convidados todos os deputados, alcaldes da provincia, institucións e representantes da sociedade civil.

Máis de 2.000 obras espalladas pola provincia de Pontevedra e 600 millóns de euros mobilizados. Son algúns dos datos que hoxe presentou o presidente da Deputación para facer balance dos tres anos que leva á fronte do goberno provincial.

O acto celebrouse no Pazo Provincial baixo o lema ‘Valor extra’ e diante de deputados, alcaldes da provincia, institucións e representantes da sociedade civil.

López explicou que se repartiron 181 millóns de euros a través do Plan +Provincia, 81 millóns da reforma de vías e infraestruturas, 30 millóns en plans deportivos ou 26 para axudar aos concellos a facer fronte aos seus compromisos cos fondos europeos recibidos.

O acto articulouse a través de diferentes entrevistas cos deputados. Fixo especial mención aos investimentos realizados en Vigo e Pontevedra. No caso da capital, cuxo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores non asistiu por considerar que a Deputación discrimina á cidade, López asegurou que nestes anos o investimento acadou os 37 millóns de euros.

O presidente provincial sinalou o turismo, o deporte, a cultura e a cooperación como algunhas das áreas estratéxicas para o seu goberno.