PONTEVEDRA> Precisamente, este Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Pontevedra será o protagonista de varias accións para dalo a coñecer entre a veciñanza. O concello prepara reunións con diferentes colectivos para trasladarlles o seu contido. Tamén creará unha web específica, repartirá material divulgativo e instalará mesas a pé de rúa para recoller propostas.
O concello de Pontevedra porá en marcha un amplo mecanismo participativo para dar a coñecer o Plan de Mobilidade Urbana Sostible entre a veciñanza.
Segundo Gómez, o documento é árido e fai difícil que calquera persoa poida acceder aos seus contidos e se anime a participar. Por iso, ademais de publicalo na web municipal, crearase un portal específico para explicalo.
De xeito paralelo, o concello organizará reunións con colectivos para recoller o seu sentir. Os encontros comezarán a vindeira semana coa Fanpa e a Federación de Asociacións de Veciños Castelao. Ademais, está previsto inaugurar o 22 de xuño unha exposición sobre o PMUS na Peregrina, repartir material divulgativo e celebrar un obradoiro para familias.
A intención do goberno local é aplicar este proceso de participación veciñal a outros proxectos de Pontevedra, como a axenda urbana ou a reforma integral do barrio de Monte Porreiro.