AJE busca dez proxectos de emprendemento para a quinta edición da súa aceleradora

PONTEVEDRA> Xa está en marcha unha nova edición da Aceleradora Ría de Pontevedra, unha iniciativa da Asociación de Jóvenes Empresarios e ENCE. Trátase da quinta convocatoria coa que buscan, un ano máis, promover o emprendemento e consolidar proxectos innovadores. Participarán preto dunha ducia de iniciativas.

A Asociación de Jóvenes Empresarios e ENCE volven ir da man nunha nova edición da Aceleradora Ría de Pontevedra. Trátase da quinta edición desta iniciativa, que busca promover o emprendemento nos concellos de Pontevedra, Marín e Poio.

Nesta edición, volverán a ser ao redor de 10 os proxectos seleccionados nos sectores do comercio, o turismo, o medio ambiente, a sustentabilidade e a agricultura. No marco da aceleradora, os emprendedores recibirán formación en diferentes áreas e apoio de expertos con mentorías individualizadas.

O programa da aceleradora pecharase cun Demoday, no que os emprendedores presentarán os seus proxectos na procura de investimentos reais. Tamén se realizará unha segunda edición do Hackathon de Economía Circular, no que se afrontarán desafíos relacionados coa sustentabilidade e o uso responsable de recursos. Ademais, este ano como novidade estrearase a iniciativa Scale Up Ría de Pontevedra.

A aceleradora realízase no marco do Plan Social de ENCE. O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 16 de xuño.