NOIA> Tal e como se prevía, o alcalde Santiago Freire, fracasou no seu intento de sacar adiante o orzamento municipal para este 2024, perdendo a cuestión de confianza á que decidiu someterse a pasada semana.
O PP sumou só oito votos a favor, os dos seus seis edís, e os dous do NOIA, o seu socio no goberno.
Na súa contra, un total de nove. Os catro do PSOE, os dous da Marea, os dous do BNG e o do concelleiro díscolo, Luís Alamancos, que ó inicio do pleno extraordinario de hoxe intentou xustificar as razóns da súa marcha e que derivaron nesta tormenta política.
Os demais grupos da oposición mostráronse tamén moi críticos co goberno, ó que acusaron de falla de planificación e malgasto desmesurado.
Ábrese agora unha nova etapa no Concello.
O alcalde terá no aire o seu cargo durante un mes. Un período de tempo que terán os grupos da oposición para poñerse de acordo e presentar unha moción de censura cun candidato alternativo.
A priori parece algo improbable que aconteza.
Se non o conseguen, Santi Freire continuará referendando o bastón de mando do Concello e as contas quedarán aprobadas automaticamente.











