PONTEVEDRA> Xa está en marcha a programación deseñada en Pontevedra co gallo do Orgullo. Inaugurouse este mediodía, coa palabra Memoria pendurada do balcón da Casa da Luz, na praza da Verdura. Cada letra vai acompañada dun fito histórico para o colectivo LGBTIQ+. Deste xeito, mestúranse actos festivos, culturais e conmemorativos con outros máis didácticos e reivindicativos, que culminarán cunha manifestación o 2 de xullo.
A primeira voda entre dúas mulleres en 1901, a aprobación do matrimonio igualitario en España no 2005 ou a primeira persoa menor de idade que acadou o cambio rexistral de identidade en Galicia no 2015. Son algúns dos fitos para o colectivo LGBTIQ+ que penduran dende hoxe xunto coa palabra MEMORIA do balcón da Casa da Luz.
Este acto simbólico serviu para dar por inaugurada a programación do Orgullo en Pontevedra, coa que conmemorar o Día Internacional do Orgullo que se celebra o 28 de xuño.
Dende o colectivo Avante LGBT+ apostan por reivindicar a memoria de todo o colectivo.
O programa culminará o día 2 de xullo. O parque do río dos Gafos acollerá unha Festa do Orgullo. Ademais, celebrarase unha manifestación que sairá dende a Praza do Hospital Provincial.
As actividades restantes celebraranse entre os días 27 de xuño e 1 de xullo. A mostra internacional de cinema LGBTIQA+ Ambienta, o obradoiro Contos de Cores, o club de lectura Avante LGBT+, un encontró coa actriz, política socialista e activista trans Carla Antonelli ou un faladoiro sobre saúde sexual, son algunhas das propostas.