SALNÉS> O presidente da Mancomunidade do Salnés fai balance dos seus primeiros once meses á fronte do organismo. David Castro cifra en case 12 millóns de euros as xestións realizadas neste tempo. Marca como obxectivos estratéxicos para 2025 a ampliación da ETAP de Treviscoso, a posta en funcionamento da planta fotovoltaica de Ponte Arnelas ou o arranxo da tubaxe do Grove. Tamén avanzou que ao longo do ano que vén implantarase unha rede de cargadores ultrarrápidos para vehículos eléctricos.
Este é o resumo que fai David Castro dos seus primeiros 11 once meses á fronte da Mancomunidade do Salnés. O presidente salienta desa cantidade un compromiso de catro millóns de euros para a mellora da ETAP por parte de Augas de Galicia, así como o proxecto da planta fotovoltaica nesas instalacións de Treviscoso, un convenio para a promición turística do Salnés ou a adquisición de novos vehículos.
Ademais, pon sobre a mesa proxectos moi demandados como a renovación da tubaxe ao Grove. Avanza que logo das xestións que se fixeron nestes meses as novidades chegarán en 2025, co compromiso da Xunta de aportar financiamento.
Tamén dentro dos obxectivos marcados para o ano que vén está a planta de bombeo cunha planta fotovoltaica en Ponte Arnelas ou a declaración de Camiño oficial a Santiago polo Salnés. En materia turística, avanzan tamén outro ambicioso proxecto de creación dunha rede de 24 cargadores ultrarrápidos de vehículos eléctricos.
No aspecto puramente político, logo da moción de censura que apartou á socialista Marta Giráldez da presidencia da Mancomunidade, David Castro cre que a xestión avala os feitos.
Non o ve así a expresidenta. A alcaldesa de Meis cre que o consenso que caracteriza á Mancomunidade está perdido.
E lembra Giráldez que hai case un ano, dende a chegada de Castro, que non se convoca unha comisión executiva de alcaldes e alcaldesas na Mancomunidade.











