Constituída na Pobra a Mesa Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero

A POBRA> Constituída na Pobra  a Mesa de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero. O concello dá así un paso máis na loita contra a violencia machista e promoción da igualdade que se complementará proximamente coa incorporación da policía local ó sistema Vioxén.

A subdelegada do goberno na provincia da Coruña presidiu a constitución da mesa inter-institucional contra a violencia de xénero do concello da Pobra. Con este xa son 34 os concellos que contan con este órgano tan necesario para impulsar unha acción coordinada e efectiva contra a violencia machista.

Nesta primeira xuntanza abordaron as principais liñas de traballo para poñer en común tódolos recursos con que conta o concello para previr os casos de violencia de xénero e, no caso de que se produzan, prestar a atención necesaria ás vítimas.

Ademais dos responsables do concello e da subdelegación do goberno, a mesa está integrada por membros dos corpos e forzas de seguridade do estado así como representantes dos distintos colectivos que traballan pola igualdade dende os ámbitos educativo, social e sanitario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí