Ribadumia e Meis van da man na creación das primeiras escolas inclusivas de emprego do Salnés

RIBADUMIA/MEIS> As primeiras escolas inclusivas de emprego do Salnés van situarse en Meis e Ribadumia. Os dous municipios únense a un proxecto impulsado por Acción contra a Fame, para formar a persoas desempregadas ou vulnerables. As persoas que queiran participar recibirán formación en sectores con alta demanda na zona,  con prácticas en empresas. O proxecto arranca xa neste mes de febreiro co obxectivo de cubrir 60 prazas.

Este é o momento no que a alcaldesa de Meis e o rexedor de Ribadumia unen as súas sinaturas para a firma dun acordo de colaboración de ambos municipios e a Fundación Acción contra a Fame. A través del, os dous concellos acollerán as primeiras escolas inclusivas de emprego do Salnés. Están destinadas a persoas desempregadas ou en situación de vulnerabilidade.

Decidiron escoller eses dous sectores, loxística e distribución e comercio e supermercado, porque -explican- teñen unha alta demanda na zona.

Tanto os veciños de Ribadumia como os de Meis poden apuntarse en calquera destes dous itinearios. Se quedan prazas libres, calquera outra persoa da zona tamén se pode anotar ata completar as 60 prazas dispoñibles.

Acción contra a fame, ademais, explica ademais que a través destes programas quere fomentar hábitos de vida saudable, co fomento da saúde física e mental. De feito, o programa inclúe a opción dun bono ximnasio nos dous concellos.

As escolas arrancarán xa neste vindeiro mes de febreiro, con carácter semipresencial. En Meis será nas instalacións do mercado de gando e en Ribadumia na casa da cultura. Son totalmente de balde, financiados a través do Fondo Social Europeo e a Xunta.