PONTEVEDRA> O Partido Socialista, contra a suba do canon do lixo anunciada por Sogama. O grupo municipal de Pontevedra levará ao pleno de setembro unha moción para instar á Xunta que reverta o incremento das taxas. Segundo o anunciado, o canon pasará dos 66 euros por tonelada que se paga na actualidade aos 108 euros no 2025. Unha medida que, aseguran os socialistas, suporá un gran impacto nas arcas municipais e no recibo que pagan os veciños.
O Partido Socialista reclama á Xunta de Galicia que non aplique a suba do canon do lixo anunciada por Sogama. Segundo a empresa pública, a taxa pasará dos 66 euros por tonelada actual aos 108 euros no 2025.
Dende Sogama responsabilizan ao Goberno do Estado deste incremento, debido ao imposto estatal sobre vertedura e incineración. Pero os socialistas apuntan que a orde chega da Unión Europea, que no 2018 aprobou unha directiva que obriga aos estados membros a gravar os modelos de xestión de residuos como o galego, que queima o 61% do lixo que recibe.
Os socialistas levarán ao pleno do mes de setembro unha moción sobre esta cuestión. Reclamarán á Xunta que non aplique a suba e que manteña a bonificación do 15% para os concellos que implanten o colector marrón, que foi eliminada por Sogama no mes de xuño.
Que se distribúan os máis de 12 millóns de euros do Fondo Ambiental entre os concellos galegos en función do volume de residuos depositados e a creación dunha comisión de traballo entre Sogama, a Fegamp e as consellerías de Medio Ambiente e Facenda para revisar o modelo de xestión de residuos de Galicia, son outras das reclamacións que se inclúen na moción.