Pontevedra consolidará e porá en valor os restos arqueolóxicos da praza Valentín García Escudero

PONTEVEDRA> Pontevedra actuará nos restos arqueolóxicos da praza Valentín García Escudero. O concello proxecta a posta en valor e consolidación dos arcos medievais da ponte do Burgo que se atopan neste espazo. O obxectivo é retirar os puntais actuais, mellorar a visibilidade dos restos e realizar novas escavacións arqueolóxicas no punto. O investimento ascende a 236.000 euros.

O concello de Pontevedra intervirá no xacemento arqueolóxico da praza Valentín García Escudero. Un dos puntos neurálxicos, explicou o edil de Urbanismo, da memoria da cidade.

O obxectivo principal da intervención é retirar os puntais actuais. Así, actuarase para asegurar a estabilidade dos arcos número 14 e 15 da ponte do Burgo que se localizaron na zona. A principal patoloxía que presentan é a súa inestabilidade, sumada á forte erosión dos morteiros pola humidade e a proximidade da auga salgada da ría.

A execución da obra, que combinará enxeñería civil e arqueoloxía, levarase a cabo cunha enorme precaución. Instalarase un guindastre de 24 metros e procederase a unha limpeza manual exhaustiva. Tamén se aproveitará para realizar unha nova escavacións por fases.

O concello actuará tamén no perímetro do xacemento. Así, eliminarase o actual peche de malla, que se substituirá por unha varanda baixa para favorecer a observación directa dos restos. Tamén se instalarán novos atrís para poder interpretar estes achados.

Ademais, a intención é abrir os restos á poboación mediante visitas guiadas acompañadas, tanto ao finalizar as obras como, na medida do posible, durante a propia intervención.

As obras terán un prazo de execución de seis meses desde a súa contratación e contan cun orzamento total de máis de 236.000 euros. Neste momento, o concello agarda polo informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio para poder licitar o proxecto.