O sector profesional do Albariño recuperará todos os seus eventos e completará o Paseo da Calzada con 42 casetas

CAMBADOS> A música soará en Cambados durante 10 días pero a parte profesional volverá a celebrarse con total normalidade a partir do 3 de agosto. Ese día o paseo da calzada abrirá as súas 42 casetas nas que estarán representada 44 adegas. Tamén regresará o túnel do viño e continuará o único evento que sobreviviu á pandemia, a cata concurso.

A vertente sectorial da festa do Albariño tamén regresa con total normalidade nesta 70 edición. As actuacións musicais comezarán o día 29 pero a parte profesional estrearase como é habitual o mércores 3. Ese día e tras dous anos sen poder gozar do viño, o paseo da calzada volverá abrir as súas casetas.

O xoves catro comezará a celebración do único evento que sobreviviu todos os anos da pandemia, a cata profesional. Participarán 53 adegas e o xurado estará composto por 22 catadores profesionais. As catas terán lugar os días 4 e 5.

Os amantes do viño tamén poderán gozar este ano do túnel do viño que se volverá a celebrar no Salón José Peña do 4 ao 6 de agosto.

Para poder gozar dos viños da calzada, a organización disporá de 38 mil cata vinos que se venderán a un prezo de dous euros. Estas copas poden mercarse nas casetas ou na fundación comarcal.