PONTEVEDRA> Pontevedra estreará esta fin de semana o novo contrato de xestión e tratamento de residuos. Entrará en vigor o domingo 1 de xuño pero a concesionaria terá un prazo de seis meses para implantar as melloras acordadas. O servizo segue a cargo da empresa PreZero pero tanto o concello como a compañía aseguran que se trata dun cambio de paradigma.O contrato ten unha vixencia de 20 anos e o concello pagará case 240 millóns de euros.
Os pontevedreses irán notando de xeito progresivo as melloras no servizo de xestión de residuos e limpeza viaria. O novo contrato entrará en vigor este domingo e a empresa adxudicataria, PreZero, ten un prazo de seis meses para ir incorporando os cambios.
Os cambios que contempla o contrato son moitos. Entre eles, terá que renovar 4.000 contedores e 61 vehículos, que pasarán a ser eléctricos ou a gas, ampliar o cadro de persoal con case 100 traballadores máis e construír a planta de compostaxe na Canicouva.
Tamén terá que implantar a recollida selectiva de residuos en todo o municipio, poñendo en marcha campañas informativas. E é que a empresa cobrará en función do cumprimento dos parámetros establecidos, unha fórmula pioneira neste tipo de contratos.
O contrato é o máis importante do concello. Terá unha duración de vinte anos e suporá un custo de 238 millóns de euros.
Dende a empresa explicaron tamén que o 2% do orzamento do primeiro ano estará destinado a divulgar sobre a necesidade da separación e a concienciación. Ademais, habilitarase unha aplicación na que a veciñanza poderá rexistrar incidencias en tempo real.











