Propoñen que sexan os pontevedreses os que decidan sobre o futuro das touradas na cidade

PONTEVEDRA> Galicia En Común quere que os pontevedreses se pronuncien sobre as touradas que cada ano se celebran na cidade. Esta mañá, o deputado e secretario xeral de Unidas Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, explicou que a formación solicitou ante o Ministerio do Interior que habilite unha consulta popular para que os veciños poidan opinar sobre estes festexos. Para Gómez Reino, trátase dun anacronismo que se basea no maltrato animal.

Que a veciñanza de Pontevedra se pronuncie a favor ou en contra das touradas que se celebran na cidade. Este é o obxectivo que persegue Galicia En Común.

Hoxe Goméz Reino presentou esta iniciativa ante o concello de Pontevedra. A formación afeou ao goberno local a súa postura de non condena desta actividade.

O deputado de Galicia En Común e secretario xeral de Unidas Podemos Galicia anunciou tamén a presentación de varias preguntas no Rexistro do concello pontevedrés para saber cantos cartos das arcas municipais se destinan á tauromaquia.

A acción de Galicia En Común e Unidas Podemos Galicia contou co apoio do colectivo Galicia, Mellor Sen Touradas.

O colectivo recorda que xa no 2019 denunciaron aos propietarios da praza de touros pontevedresa por varias supostas irregularidades en canto ás instalacións e imcumprimentos no referente á publicidade na rúa da feira taurina.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí