SALNES> O conselleiro de Sanidade comprométese a garantir que os Pac do Salnés contarán en todo momento cun facultativo. En moitos casos ademais estarán acompañados por residentes de medicina de familia. Julio García Comesaña tamén anunciou que a partir de setembro incorporaranse 11 novos médicos na comarca do Salnés.
O conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, respondeu este martes á chamada dos alcaldes do Salnés. Os dirixentes municipais denunciaron que os seus Pac se atopaban nunhas situacións de alerta máxima con ambulatorios que chegaron a estar sen médicos durante algún tempo. Na reunión mantida en ExpoSalnés entre o conselleiro e os alcaldes, Comesaña comprometeuse a garantir que os Pac contarán ao menos cun médico en todo momento.
O apio dun residente de medicina de familia é clave para os momentos de máis urxencias ou para as gardas de noite. O conselleiro xustificou estes problemas de facultativos debido as vacacións e a outros imprevistos puntuais. Na reunión, o conselleiro tamén anunciou que para o mes de setembro incorporaranse 11 novos médicos na comarca do Salnés.
O conselleiro tamén se comprometeu a seguir traballando na procura de novos médicos para garantir a asistencia sanitaria en toda a comarca. Agradeceu o traballo realizado polos profesionais sanitarios en toda a área sanitaria, así como o trato recibido polos alcaldes e abriu a porta á celebración de novas reunións no caso de que os rexedores así o soliciten.