Ribeira salda unha débeda histórica con Talleres El Nervión

RIBEIRA> A primeira parada desta homenaxe a Talleres El Nervión producíase no salón de plenos. Foi un emotivo acto, ó que asistiron familiares, amigos e mesmo algúns dos propios traballadores da histórica firma, que entre os anos 1940 e 1980 desenvolveu, fabricou e comercializou os famosos motores diésel HMR para barcos.

Cumpríase así un acordo plenario de decembro de 2020de toda a corporación municipal a instancias dunha proposta presentada polo Centro Recreativo de Artes á que se sumaron máis de sesenta colectivos do municipio.

Os actos continuaron posteriormente no lugar que ocupou unha das sedes de Talleres El Nervión, na transversal que une as rúas Mariño de Rivera e Canarias, onde se procedeu á inauguración dunha exposición de paneis con fotografías e textos que recollen a historia desta empresa.

No lugar procedeuse tamén ó descubrimento dunha placa que recordará para sempre a historia desta firma e desta familia, pioneira da industria naval, e primeira escola para moitos mecánicos que viñeron despois.