Palmeira volverá saír á rúa pola falla de médico

PALMEIRA> A plataforma veciñal de Palmeira vén de convocar unha nova mobilización en sinal de protesta pola falla de médico no centro de saúde da localidade.

A mobilización terá lugar este vindeiro domingo ás doce da mañá. Partirá da zona da Lagüíña para percorrer posteriormente diversas rúas da vila ata chegar ó ambulatorio.

Dende a entidade convocante quixeron mostrar o seu malestar pola falla de empatía dalgúns gobernantes co seu problema, que veñen padecendo dende hai meses, e o que a día de hoxe aínda non se lle deu solución, a pesar das reiteradas promesas.

Dende a Plataforma insístese tamén na necesidade de poder contar cun facultativo de xeito permanente no centro de saúde, xa que Palmeira ten unha poboación de idade moi elevada con dificultades para desprazarse, o que agrava o problema.

Para lograr a máxima repercusión, dende a Plataforma fan un chamamento non só á veciñanza da parroquia senón, por extensión, ó resto do Concello e doutros municipios veciños para que acudan á manifestación deste domingo.

A convocatoria conta tamén co apoio da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí