A Deputación de Pontevedra volve colaborar con Mar para que alumnos do IGAFA realicen prácticas no estranxeiro

PONTEVEDRA> Deputación de Pontevedra e Consellería do Mar renovan o seu convenio de colaboración para que o alumnado do IGAFA poida desenvolver prácticas no estranxeiro. A iniciativa conta cun orzamento de 15.000 euros e na anterior convocatoria permitiu sufragar a formación noutros países de 12 alumnos deste centro da Illa de Arousa.

A Deputación de Pontevedra e a Consellería do Mar manteñen a súa colaboración para que o alumnado do IGAFA, o centro galego de formación en acuicultura da Illa de Arousa, poida realizar prácticas laborais en empresas ou institucións no estranxeiro.

Esta mañá o presidente Luis López e a conselleira Marta Villaverde asinaron un novo convenio, dotado con 15.000 euros que achega a administración provincial. Os cartos dirixiranse a financiar a estancia dos bolseiros nos seus destinos para que poidan avanzar na súa especialización en acuicultura ou en mergullo profesional.

Cada beneficiario poderá recibir un máximo de 3.000 euros e a súa estancia no estranxeiro terá unha duración de tres meses. O ano pasado foron doce os beneficiarios.

López recordou que a Deputación ten outras iniciativas en marcha para promover a formación da mocidade e o fomento do emprego, como o Erasmus+, o programa Depoemprende ou a cooperación coa Xunta a través dos Polos de Emprendemento.