PONTEVEDRA> Esta madrugada falecía o traballador que resultara ferido de gravidade no incendio da antiga fábrica da Pontesa, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio. O home, veciño de Marín, presentaba queimaduras no 85% do seu corpo. Tras coñecer a triste noticia, dende o concello de Pontevedra cargaron contra o Grupo Nogar, responsable da nave que ardeu. O alcalde capitalino recordou que carecía de licenza de actividade e de medidas de seguridade.
Finalmente, Benito González non puido superar as queimaduras no 85% do corpo que lle causou o incendio do pasado domingo na antiga fábrica da Pontesa. O traballador do Grupo Nogar, empresa responsable da nave, e concelleiro do PSOE en Marín, falecía esta madrugada.
O alcalde pontevedrés non só lamentou o seu falecemento. Tamén cargou con dureza contra a empresa que almacenaba o gran nesa nave.
Fernández Lores asegurou que a situación no interior da nave, na que se acumulaban gran e pipas de xirasol, era un perigo para os traballadores a empresa e para os veciños de Ponte Sampaio.
Dende o concello de Marín xa se decretaron dous días de loito polo falecemento de Benito González. Pola súa banda, o Grupo Nogar lamentou tamén a súa morte. Esta tarde os seu compañeiros concentráronse diante das instalacións da compañía no porto mariñense na súa memoria.