A POBRA> O concello da Pobra e Piratas de Nabia volven ofertar visitas ás Illas Atlánticas ó longo deste verán. Programáronse seis saídas en catamarán a Cíes, Ons e Sálvora. Nesta última poderá realizarse tamén unha ruta nocturna para observación astronómica.
Como cada verán, A Pobra converterase en porto de saída para coñecer as Illas Atlánticas. Piratas de Nabia e o concello ofertan de xuño a setembro seis visitas; o 29 de xuño e o 7 de setembro ás Cíes, o 27 xullo e o 10 agosto a Ons e o 20 xullo e o 23 de agosto a Sálvora. esta última será en horario noctuno e guiada por unha astrónomo para a observación de estrelas.
Os interesados en reservar poden facelo xa a través do teléfono de Turismo ou da web piratasdenabia.com. Aconséllase facelo canto antes posto que as prazas soen esgotarse axiña.











