CAMBADOS> Merchi Álvarez manifestarase en Santiago pedindo a colaboración da Xunta para axudala co seu tratamento. A cambadesa recadou polo de agora 23 mil euros dos 80 mil que necesita. Si agradece a solidariedade dunha veciñanza que non deixa de organizar eventos para poder axudala.
Merchi Álvarez veu algo de luz na súa loita contra a Ame grazas a un tratamento en Corea do Sur. Unha luz que resulta moi cara, xa que para costear o tratamento, a cambadesa necesita 80 mil euros anuais. O ano pasado conseguiu recadalos e os resultados foron moi bos, aumentando de forma importante a súa mobilidade.
Este ano, Merchi debería estar preparándose para recibir o segundo tratamento pero a recadación deste ano non vai tan ben. Polo de agora xuntou 23 mil euros dos 80 mil necesarios. A cambadesa terá que agardar a conseguir a cantidade para poder dar unha nova sesión.
Retrasar o tratamento terá consecuencias sobre ela, xa que os avances poden reverterse.
Merchi agradece o apoio da xente, que continuamente está organizando eventos para axudala, pero lamenta a falta de apoios por parte da Xunta de Galicia.
Ante a falta de apoios da administración, a cambadesa manifestarase en Santiago de Compostela. Aínda non decidiu a data pero ten claro que a mobilización é necesaria para loitar pola súa vida.
Nas vindeiras datas realizaranse dous novos eventos para continuar recadando fondos para Merchi. O día 23 terá lugar en Vigo un torneo de Golf e o 24 celebrarase unha gala musical no concello de Cambados. Os interesados en axudar a Merchi poden realizar a súa doazón a través do número de conta ou do bizum da cambadesa.