A Deputación mantén o servizo da imprenta que trasladará ás instalacións do Príncipe Felipe

PONTEVEDRA> Finalmente, a Deputación de Pontevedra manterá o servizo da imprenta provincial. Iso si, mudará de localización, dende a Xunqueira de Alba ás instalacións do Príncipe Felipe. De feito, o edificio actual será desmantelado, convertendo a parcela nunha zona verde.

A imprenta provincial despedirase da Xunqueira de Alba. A Deputación de Pontevedra decidiu trasladar o servizo ata as instalacións do Príncipe Felipe.

O que non se salva é o edificio que ata o de agora acolleu a imprenta. A Deputación continúa os trámites para derrubalo, deixando libre unha parcela de case 3.000 metros cadrados na Xunqueira de Alba que se converterá nunha zona verde.

Este é un paso máis na recuperación deste espazo. A Deputación avanza tamén na demolición do edificio do parque de maquinaria, que se trasladará ao polígono de Barro. Neste proceso, sacaranse a poxa pública algúns recursos do servizo.

Dende o goberno provincial estiman que a finalización das obras no polígono de Barro e a rexeneración da Xunqueira podería estar rematadas no primeiro trimestre do 2023.

O desmantelamento do parque de maquinaria conta cun orzamento de máis dun millón de euros. No caso da imprenta, os traballos están orzamentados en case 275.000.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí