A Xunta explora con expertos xuristas as vías para recorrer o veto europeo á pesca de fondo

BARBANZA> Galicia esgotará tódalas vías legais para recorrer o veto da pesca de fondo imposto pola Unión Europea. Así llo transmitiu o presidente da Xunta ós representantes do sector que participaron nunha xuntanza celebrada esta mañá xunto con expertos xuristas para explorar as posibilidades máis efectivas na defensa dos intereses da frota.

A Xunta xa participara na achega de documentación para evitar a imposición de Bruxelas e, agora, unha vez que se fixo efectiva seguirá do lado do sector non só para paliar os prexuízos económicos e a perda de postos de traballo senón tamén para garantir a autonomía alimentaria de España e de toda Europa, tal e como se puxo de manifesto durante o confinamento.

Na reunión celebrada esta mañá con representantes do sector pesqueiro e expertos xuristas da Fundación MarinLeg avaliaronse as distintas posibilidades legais de que dispón a Xunta para recorrer a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo nun cento de áreas en augas comunitarias.

O goberno galego buscará tamén aliados no resto de autonomías e rexións europeas con intereses pesqueiros para evitar a aplicación dunha medida que afectaría directamente a 200 barcos galegos e podería repercutir nun milleiro de embarcacións, incluíndo artes menores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí