A Policía Nacional confirma un repunte do tráfico de heroína

SALNÉS> A Policía Nacional detecta un repunte no tráfico de heroína. Así o recoñeceu hoxe o comisario provincial de Pontevedra, Juan José Díaz. Precisamente ao tráfico desta substancia se dedicaba a rede contra a que os axentes desenvolveron a última operación antidroga na comaca do Salnés. Tratouse da terceira fase dunha actuación global, na que ata o de agora xa hai 12 detidos.

A operación contra o tráfico de drogas desenvolvida onte na comarca do Salnés deixou tres detidos. Os axentes realizaron rexistros en domicilios e naves de Ribadumia, Meis, Meaño, Sanxenxo e Barro.

Esta foi a terceira fase dun operativo global que comezou hai meses contra esta rede dedicada ao tráfico de heroína. Ademais do Salnés, ten ramificacións en Portugal. En total, o número de detidos xa ascende aos 12.

Dende a Policía Nacional constatan un incremento do tráfico de heroína nos últimos tempos.

Está previsto que os detidos onte pasen a disposición xudicial en Cambados no día de mañá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí