Malestar no executivo boirense polo voto en contra da oposición ó POS Adicional

BOIRO> No pleno, celebrado onte pola noite, o equipo de goberno logrou sacar adiante varias propostas como foron a aprobación do proxecto de mellora do abastecemento de auga no primeiro tramo do río Coroño, o da reforma da praza de abastos e un plan de investimentos, con cargo ó remanente de tesourería, por importe de 215 mil euros, no que se inclúen un total de cinco actuacións, entre elas a mellora dun acceso ó CEIP de Escarabote e a reforma dos vestiarios e o acceso ó campo de fútbol de Valiño.

Tamén logrou os apoios suficientes para o proxecto de mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade no edificio das Colonias e para a dinamización do espazo coworking no viveiro de empresas de espiñeira, a través dunha subvención da Deputación da Coruña.

Pola contra, non gustou no executivo os votos en contra da oposición para o Plan de Obras e Servizos Adicional da Deputación da Coruña ou para a ampliación de salas de fitness no complexo deportivo da Cachada.

Tamén foron rexeitadas outras propostas nas que o goberno local tiña moitas esperanzas como é o caso do proxecto para poder levar a cabo a construción dun parque urbano na zona verde de a Boqueira de A Negral, o anteproxecto da ordenanza de circulación ou o proxecto educativo En(clave).

Na sesión aprobáronse tamén os festivos locais para o ano 2023. As datas elixidas pola corporación municipal foron o 21 de febreiro e o 31 de agosto, que corresponden co Martes de Entroido e o San Ramón de Bealo, respectivamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí