A Dorna e Santa Uxía serán os festivos locais de 2023 en Ribeira

RIBEIRA> O día da Dorna e Santa Uxía serán os festivos locais en Ribeira o próximo ano. O pleno aprobou a proposta do executivo cos votos a favor do PP e PBBI. O resto dos grupos da corporación votaron en contra xa que propoñían o martes de entroido en lugar da patroa.

Finalmente, o PBBI decidiu apoiar a proposta do goberno municipal para designar como festivos locais o 24 de xullo, día da Dorna, e o 12 de setembro, Santa Uxía.

Aínda así, o seu voceiro, malia votar a favor da súa proposta amosouse moi crítico coa actitude do goberno por non ter consensuado previamente co resto da corporación as datas festivas.

Fronte a esta proposta, figuraba a alternativa do resto dos grupos que se decantaban pola Dorna, que en 2023 caerá nun luns, e polo martes de entroido, dada a súa gran repercursión económica para a hostalería da vila.

Propoñían trasladar as celebracións de Santa Uxía á segunda fin de semana de setembro para manter así as festas na honra da patroa sen perder o martes de carnaval.

Durante a sesión procedeuse tamén á aprobación da conta xeral de 2021 e do expediente de expropiación forzosa para a execución da senda peonil de Coroso, entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí