O delegado da Xunta visita en Lousame o autobús de ‘Coidados Porta a Porta’

LOUSAME> Un dos autobuses do programa ‘Coidados Porta a Porta’ da consellería de Política Social que está percorrer dende o pasado mes de marzo tódolos concellos de Galicia, agás as sete principais cidades, fixo hoxe parada en Lousame.

Alí recibiu a visita do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, que estivo acompañado pola alcaldesa, Teresa Villaverde.

Trenor destacou a importancia desta iniciativa que permite levar servizos especializados de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a cada concello, evitando así os desprazamentos dos maiores a un centro hospitalario.

A alcaldesa, Teresa Vilaverde, agradeceu tamén a posta en marcha deste servizo, segundo ela, vital para moitos municipios, como é o caso de Lousame, eminentemente rural, e cunha poboación moi avellentada e moi dispersa.

Para ser atendido en calquera dos autobuses de ‘Coidados Porta a Porta’ é necesario solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal