Os veciños do Grove paralizan o tráfico á Toxa na segunda protesta para reclamar médicos para o centro de saúde

O GROVE> Segunda xornada de protestas no concello do Grove pola falta de médicos no seu centro de saúde. Tralo éxito de onte, a Plataforma en Defensa da Sanidade no municipio convocou para hoxe unha nova mobilización, aproveitando tamén a segunda xornada do Foro La Toja-Vínculo Atlántico. Un día no que ademais interviu o expresidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Na convocatoria desta tarde, á que acudiron centos de veciños, vivíronse momentos de certa tensión. Un grupo de manifestantes cortou o tráfico á entrada da Illa da Toxa; corte que se mantivo durante ao redor de dúas horas.

Ademais, outros intentaron achegarse ao recinto do Gran Hotel La Toja no que se celebra o foro. Así as cousas, foron interceptados polo forte dispositivo de seguridade que rodea o evento.

Como onte, os veciños quixeron denunciar coa mobilización a falta de médicos e de cobertura sanitaria no centro de saúde do concello de Grove. Recordemos que aseguran que hai semanas que non se dan citas para as consultas de atención primaria, non hai pediatra que se encargue da atención dos cativos do municipio e hai xornadas nas que o PAC carece de médico para atender ás urxencias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí