PONTEVEDRA> O horror da guerra a través dos ollos da cativada. É a proposta de ‘E ademais, debuxan’, a mostra que dende hoxe xa se pode ver na Casa das Campás de Pontevedra. Nela reúnense 48 debuxos de nenos e nenas durante a Guerra Civil Española. Poderá visitarse ata o 5 de xuño.
Unha visión un tanto diferente da Guerra Civil Española pode verse dende hoxe na Casa das Campás de Pontevedra.
Trátase da mostra ‘E ademais, debuxan’. Unha colección de 48 obras gráficas realizadas por cativos e cativas durante este conflito bélico.
Esta exposición xorde do traballo que no 1938 realizou un grupo de cuáqueros norteamericanos que visitaron as colonias infantís que se estableceran no Levante español. A partires dos debuxos dos nenos, organizaron accións para recadar fondos.
As pezas que agora se expoñen en Pontevedra son reproducións dixitais de orixinais que se atopan, por exemplo, na Biblioteca Nacional de España e o Arxiu Nacional de Catalunya. Foi Vladimir Merino, fillo dunha destas nenas da guerra quen lle deu forma.
A nai de Merino foi unha das cativas que durante o conflito foron trasladadas á Unión Soviética. El mesmo naceu alá. O seu exilio viuse prolongado polo inicio da Segunda Guerra Mundial. Este grupo de nenos ten tamén o seu espazo na exposición.
A mostra poderá visitarse en Pontevedra ata o 5 de xuño. Ademais, Vladimir Merino dirixirá visitas e charlas para escolares da cidade. Para o público xeral será o 8 de maio ás 7 da tarde con entrada libre ata completar cabida.











