A Garda Civil de Pontevedra equípase con pictogramas para facilitar a comunicación con persoas con autismo

PONTEVEDRA> A Garda Civil faise máis accesible para as persoas con autismo. Os axentes da Comandancia de Pontevedra terán nos seus vehículos e cuarteis fichas con pictogramas para facilitar a comunicación. A iniciativa forma parte dun programa piloto impulsado dende Pontevedra que, de funcionar, se levará a outras provincias.

Os vehículos e cuarteis da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra terán unha nova ferramenta de traballo. Son pictogramas coma estes, que lles axudarán a comunicarse coas persoas con Trastorno do Espectro Autista.

Os pictogramas foron elaborados entre a Garda Civil e o gabinete psicopedagóxico Arcoiris de Vigo. Deste xeito, os axentes serán máis accesibles para as persoas con autismo. Sobre todo en situación nas que precisen algún tipo de axuda.

A Comandancia de Pontevedra é pioneira nesta iniciativa. Trátase dun programa piloto e, no caso de funcionar, trasladarase a outros cuarteis.

Ademais de estar equipados con estes pictogramas, os axentes recibirán formación específica para saber como utilizar estas ferramentas.

Unha medida sinxela que garante a mellor inclusión das persoas con Trastorno do Espectro Autista.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí