BARBANZA> A Xunta valora positivamente o anuncio da Comisión Europea de deixar sen efecto a prohibición da pesca de fondo en 41 dos 87 caladoiros recollidos no regulamento. Aínda así, dende o goberno autonómico apelan á cautela posto que aínda non se trasladou oficialmente esta decisión.
Aínda que se trata dun anuncio relativamente positivo, dende a Consellería do Mar chaman á cautela posto que o goberno central aínda non trasladou oficialmente á Xunta a retirada do veto en 41 das 87 áreas. Esperan que a decisión se materialice a través dun texto legal posto que o regulamento europeo recolle que a prohibición afecta ás 87 zonas recollidas no seu anexo.
Nesta liña, instan ó goberno central a seguir traballando na presentación do recurso para conseguir unha moratoria na entrada en vigor do regulamento para salvar a campaña de Nadal e gañar tempo de cara á presentación dos informes técnicos e científicos que avalen a importancia socioeconómica e o escaso impacto da actividade da flota galega nestas zonas.
Así o expuxo a Conselleira na reunión do grupo de traballo de pesca da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas celebrada onte en Bruxelas onde destacou a solidariedade das distintas rexións na busca de solucións a este veto.