O presidente da Deputación da Coruña eloxiou a labor de A Creba

NOIA> Acompañado polo presidente e a coordinadora da asociación A Creba, Xosé Ramón Girón e Covadonga Rodríguez, respectivamente, o alcalde, Santiago Freire, así como polas deputadas de Benestar Social, Ana Lamas, e Educación, Sandra González, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou as instalacións da entidade no polígono de Augalevada para coñecer o traballo que realiza na atención de persoas con enfermidades mentais.

Na visita González Formoso eloxiou a labor que realiza A Creba, entidade coa que a institución provincial colabora asiduamente.

A última achega da Deputación permitiulle   poder acceder á compra dunha vivenda tutelada.

A Deputación da Coruña tamén colabora, a través das liñas de axudas de Benestar Social, co financiamento necesario para a compra de vehículos ou tamén para o desenvolvemento de distintas actividades nos dous centros cos que conta a Asociación, un situado en Noia e outro en Ribeira.

O presidente da Deputación aproveitou a visita a Noia para achegarse tamén á sede do Club de Remo, en Testal.

O Club resultou beneficiario este ano dunha axuda para a compra dun novo vehículo para o transporte dos deportistas e embarcacións.

Durante a visita destacou o gran traballo que realizan clubs como o de Noia, que conta con case un centenar de deportistas federados, fomentando disciplinas como o remo, na que Galicia é claramente unha potencia.

A furgoneta entregada conta con nove prazas, das cales dúas son adaptadas para deportistas con algún tipo de diversidade funcional.

Ademais desta axuda para a adquisición do vehículo, o Club de Remo Noia conta con outros materiais como embarcacións e remolques para transportalas adquiridas tamén coa colaboración económica da área de Deportes do organismo provincial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí