A ampliación do instituto Aquis Celenis de Caldas comezará no 2023

CALDAS> A ampliación do instituto Aquis Celenis de Caldas comezará no 2023. O proxecto inclúe a rehabilitación integral do actual centro, ao que se lle vai dar unha altura máis. Con esta obra, o instituto incrementará a súa superficie en 2.400 metros cadrados, que se destinarán a novos ciclos e unidades educativas.

A ampliación que a Xunta ten sobre a mesa para o Aquis Celenis de Caldas arrancará no 2023. Busca incrementa-la superficie do instituto en case 2.400 metros cadrados. Para a creación dese espazo, que se vai destinar a novos ciclos e unidades educativas, construirase un novo andar sobre o actual edificio.

Ademais da ampliación, o proxecto contempla a rehabilitación integral do actual centro, para facelo máis eficiente dende o punto de vista enerxético. Entre as medidas, renovación das fiestras e novo revestimento e cubertas.

A Xunta presentou hoxe o proxecto á comunidade educativa do centro e ao Concello de Caldas. O alcalde explica que este é o resultado dun traballo conxunto no que levan inmersos dende hai catro anos.

Esta mesma mañá, O Consello da Xunta dáballe luz verde á folla de ruta plurianual desta reforma, que ascenderá ata os 3,7 millóns de euros.

A proximidade do centro ao Umia condicionou a súa ampliación. A normativa actual impide a construción de novos equipamentos en zona de protección de augas, como son os terreos do instituto. Así que a solución pola que se optou pasa por facer esa expansión en vertical.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí