O mal tempo condiciona o agardado arranque da campaña marisqueira en Noia

NOIA> Con case un mes de retraso os mariscadores de Noia volveron hoxe o mar. Non o fixeron ata mediodía ante a demora do Intecmar na entrega dos resultados das analíticas, o que causou gran malestar entre os profesionais que permanecían en Testal dende primeira hora da mañá.

O segundo resultado negativo fíxose agardar. A pesar de que as mostras foron enviadas o luns a primeira hora da mañá, o Intecmar non comunicou o resultado ata este mediodía. A intención da confraría era poder iniciar a campaña o martes polo que os mariscadores desprazáronse xa na xornada de onte ata Testal. Finalmente non puido ser e a situación repetíase dende as nove desta mañá cos profesionais concentrados en Testal á espera de poder traballar.

Sen embargo, non foi ata as doce cando se publicaron os resultados e puideron por fin saír ó mar, dispoñendo unicamente de dúas horas, o que xerou gran malestar entre os profesionais que agardaban con impaciencia a volta ó traballo.

A pesar de que tarde, a xornada desenvolveuse sen incidencias a pesar do mal tempo que condicionou a actividade. Foi precisamente no escaso tamaño que coincidiron a maior parte dos mariscadores posto que as mostraxes auguraban un berberecho de maior calidade.

Aínda así, a hora e media de traballo bastou para que a maioría dos profesionais se fixese cos topes fixados en 15 quilos de berberecho para o primeiro e segundo tripulante e dez para o terceiro. Trátase de topes moi baixos xa que as conserveiras non puideron recibir mostras por mor da toxina.

Mañá incrementarase ata 30 quilos o tope de berberecho e a partir do luns xa traballarán a pleno rendemento con topes de 40. Os mariscadores agardan que os prezos acompañen para cumprir coas boas expectativas desta campaña que tanto se fixo de rogar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí