Aparece un veleiro á valga e sen tripulación fronte á costa de Aguiño

RIBEIRA> O veleiro de  nome ‘Free’ e bandeira alemá, duns dez metros de eslora, aparecía esta pasada fin de semana á valga, sen ningún tripulante a bordo, na bocana da ría de Arousa, preto de Aguiño.

Localizouno o helicóptero do Servizo de Vixilancia Aduaneira e sospeitase que puido ser empregado no transporte de droga.

Nada máis atopado, púxose en marcha un operativo para recuperar a embarcación no que participaron varias lanchas de Aduanas e a ‘Salvamar Sargadelos’ de Salvamento Marítimo, que o trasladaron ata o Club Náutico e Deportivo de Ribeira.

Unha vez en terra, nunha primeira inspección, comprobouse que tiña o folio borrado e os mandos manipulados, polo que se sospeita que os seus tripulantes, ó abandonalo, intentaran afundilo para eliminar pegadas.

A embarcación segue a día de hoxe nas instalacións do club ribeirense á espera dunha nova inspección por parte de axentes de Aduanas, e posteriormente será trasladado á base deste corpo en Vilagarcía.