OUTES> A quinta edición do Festival de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo recalará en Outes a finais de mes. Celebrarase entre o 28 de outubro e o 1 de novembro. Unha quincena de cintas, procedentes de tódolos continentes, competirán por facerse cos dous premios da sección oficial.
Mar e cine volverán ir da man en Outes que por terceiro ano consecutivo acollerá o festival de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo. Nesta quinta edición, a terceira que se celebra no concello outense, ampliarase o programa con cinco días de mostra.
14 cintas preséntanse a concurso na sección oficial, das que sairán as dúas galardoadas;unha co premio do público e outra co do xurado.
En paralelo desenvolveranse outras seccións con interesantes propostas como a presentación dun documental sobre o Prestige cando se cumpren 20 anos da Marea Negra ou a proxección de ‘Nanuk, el esquimal’ no centenario da súa presentación.
En paralelo, desenvolveranse diversas actividades complementarias como unha exposición fotográfica sobre pesca artesanal da FAO, as saídas en embarcacións tradicionais como o Joaquín Vieta, showcookings e outras moitas propostas en colaboración co tecido asociativo da comarca.