Sarela conmemora no Barbanza o Día do Dano Cerebral Adquirido cunha mesa informativa

RIBEIRA> Como cada ano, a asociación Sarela celebrou o Día do Dano Cerebral Adquirido coa instalación dunha mesa informativa no hospital do Barbanza. O obxectivo é dar a coñecer esta discapacidade cuxa causa principal é o ictus.

Ó longo de toda a mañá, foron moitas as persoas que se achegaron ata esta mesa informativa emprazada no hospital do Barbanza para interesarse sobre o dano cerebral adquirido, unha doenza sobre a que aínda existe moito descoñecemento.

Ademais de coñecer as principais causas do dano cerebral adquirido como o ictus ou os tumores cerebrais e a importancia da prevención, tamén se presentaron as actividades que desenvolve Sarela. Unha entidade sen ánimo de lucro que dende hai dúas décadas vén prestando diferentes servizos ós pacientes con dano cerebral adquirido e ás súas familias.

Sarela dispón dun punto de información fixo no hospital do Barbanza que está operativo os primeiros venres de cada mes en horario de dez e media a unha e media.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí