BOIRO> Aínda que os traballos de mellora da casa de cultura xa se iniciaran hai uns días, na xornada de hoxe tiveron un avance importante, coa demolición da totalidade da vella estrutura do vello auditorio.
Para comprobar a marcha das obras, unha delegación encabezada polo Delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o alcade, Xosé Ramón Romero, achegouse á zona.
O proxecto, cun orzamento de preto dos catro millóns de euros, suporá a transformación integral do centro cultural, ampliando a súa superficie ata os tres mil metros cadrados para adaptarse ás novas necesidades do Boiro de hoxe.
A reforma do edificio conta cunha axuda de máis de un millón de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos do Goberno do Estado.
Durante a súa visita a Boiro o Delegado do Goberno puxo en valor tamén os fondos que o Goberno do Estado destinou nos últimos anos ó municipio, que cifrou en máis de 3’6 millóns de euros, con actuación destinadas á modernización do Centro Comercial Aberto, o impulso á dixitalización co Plan UNICO e á súa eficiencia enerxética a través do IDEA ou a dinamización turística co Plan de Sostibilidade do Barbanza, entre outros.











