A Deputación chama as mulleres a aliarse fronte ao negacionismo da violencia machista coa súa programación do 25N

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra despregará unha ampla programación para conmemorar o Día Internacional da Eliminación das Violencias contra as Mulleres. As actividades desenvolveranse en toda a provincia tecendo unha cuádruple alianza: na comunicación, na educación, na cultura e na investigación. Tamén volverán as accións culturais e reivindicativas do programa ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’. Todo baixo o lema ‘Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo’.

‘Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo’ é o lema que este ano engloba toda a programación que a Deputación de Pontevedra ten lista para conmemorar o Día Internacional da Eliminación das Violencias contra as Mulleres o 25 de novembro.

No deseño das actividades buscaron tecer unha cuádruple alianza: na comunicación, na educación, na cultura e na investigación. As accións serán ao longo de todo o 2023.

Entre as accións, destaca o despregue da pancarta o 18 de novembro no Pazo Provincial e a lectura dunha declaración institucional no pleno do día 25 a cargo de Azucena Arias. Este mesmo día celebrarase unha performance dun dos programas estrela da Deputación: ‘Mulleres en Acción. Violencia zero’.

Na presentación, Silva estivo acompañada de representantes dos concellos que acollerán actuacións deste programa. Celebrouse na antiga igrexa de Santa Clara, un acto que a presidenta quixo encher de simbolismo.

Neste 2022 son 39 as mulleres asasinadas. Tamén hai dous menores asasinados e 26 que quedaron orfos pola violencia machista. Dende o 2003, ano no que se comezaron a contabilizar os asasinatos machistas, son 1.168 mulleres as vítimas do machismo e 49 menores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí