Máis de 130 pilotos competirán no II Rali Ribeira-Ría de Arousa

RIBEIRA> Todo listo para o Rali Ría de Arousa, a última proba do calendario galego, que se disputará esta fin de semana nos concellos do Barbanza. Nesta segunda edición destaca o elevado número de participantes con 134 corredores inscritos, facendo desta proba a segunda de toda Galicia en participación.

Máis dun cento de corredores tomarán parte no Ralli Ría de Arousa que se disputará esta fin de semana ó logo de 6 treitos que discorren polos concellos de Ribeira, A Pobra, Rianxo e Boiro.

Destaca a alta participación nunha proba tan xoven posto que iniciou a súa andaina o pasado ano. Nesta segunda edición pasou de 86 a 134 corredores.

Ademais do circuíto habitual que discorre por pistas de zonas rurais destaca este ano o treito urbano polo centro de Ribeira que obrigará a impoñer restricións á circulación durante a xornada do sábado, de oito da mañá a oito da tarde.

O evento atraerá ata a comarca a numerosos espectadores consolidando así o Barbanza como un destino de turismo deportivo ó máis alto nivel.

O espectáculo está garantido coa participación de experimentados pilotos como Víctor Senra ou Domingo Molinos entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí