RIBEIRA> O PP de Ribeira propón recuperar o espazo da antiga fábrica do xeo de Aguiño para albergar un centro de día. Os populares levarán a pleno unha moción instando ó goberno a axilizar as modificacións urbanísticas precisas e chegar a acordo con confraría de pescadores, propietaria dos terreos.
A través desta moción o PP faise eco das queixas dos veciños de Aguiño que levan anos reclamando a retirada da antiga fábrica de xeo, posto que supón un obstáculo visual que afea a fachada marítima da parroquia. Os populares propoñen a súa recuperación para convertelo nun espazo multiusos para disfrute da veciñanza, especialmente os maiores e a mocidade.
Na moción que se debaterá en pleno a finais de mes instan ó goberno local a axilizar os cambios urbanísticos que xa están en marcha e buscar acordo coa confraría de Aguiño, titular dos terreos.
De levarse a cabo esta proposta entenden os populares que se daría continuidade á fonda transformación que está a sufrir Aguiño nos últimos anos con novos servizos e instalacións como o futuro centro de Deportes Náuticos que contribuirá tamén a transformar o espazo portuario.