Unha parcela en Valdecorvos, a mellor segundo o concello para acoller o novo edificio de emerxencias

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra busca a mellor localización para o novo edificio de emerxencias. Un estudo encargado polo goberno local apunta a seis parcelas, tanto municipais como privadas, e delas o executivo considera que o terreo municipal situado en Valdecorvos ofrece as mellores condicións. Recordemos que a intención é que estas novas instalacións acollan a Xefatura da Policía Local, os Bombeiros do parque de Pontevedra e os efectivos de Protección Civil.

Valdecorvos podería ser a localización escollida para o novo edificio de emerxencias de Pontevedra. Alí o concello conta cunha parcela de titularidade municipal de 9.500 metros cadrados.

O terreo fora descartado para acoller a ampliación do Museo de Pontevedra trala incorporación do convento de San Clara. Así que agora preséntase como a mellor opción para construír o novo edificio, que será a sede da Xefatura da Policía Local, dos Bombeiros do parque de Pontevedra e dos efectivos de Protección Civil.

O concello encargou un estudo para avaliar as diferentes opcións. Este apuntou a seis parcelas, entre elas a de Valdecorvos, a preferida polo concello. Tiñan a mesma puntuación un terreo en Tafisa, desbotado por estar cedido á Universidade de Vigo, e a finca de Malvar, en Rosalía de Castro, privada e afectada por Costas.

As outras tres parcelas analizadas son un terreo próximo ao cemiterio de San Amaro, outro en Santa Margarida e outro en Camposanto.

Segundo Vilaverde trátase dun proxecto ambicioso, que tardaría dous ou tres anos en poñerse en marcha. Agora o concello abrirá un proceso de estudo cos axentes implicados de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, así como representantes sindicais dos corpos para avaliar as súas necesidades específicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí