Desbloqueada a reforma do nó de Bombeiros, que estará en obras a mediados do 2023

PONTEVEDRA> As obras da remodelación do nó de Bombeiros, en Pontevedra, comezarán en 2023. Cando menos, esa é a intención do Goberno do Estado. Esta tarde,o delegado en Galicia anunciou o desbloqueo do proxecto, que supón unha demanda histórica para a cidade. Segundo José Miñones, a remodelación licitarase antes de que remate este ano. A intervención, pensada para mellorar a fluidez e a seguridade viaria no enlace norte de Pontevedra coa autoestrada AP-9, está orzamentada en case 11 millóns de euros.

O Ministerio de Transportes desbloquea a reforma do enlace Pontevedra norte da AP-9, máis coñecido como o nó de Bombeiros.

A intención é que a reforma estea licitada antes de finais deste ano para comezar as obras ao longo do 2023. O proxecto mantén a solución que se plantexara no 2016: os coches que saian da autoestrada procedentes de Vigo chegarán directamente á rotonda da ponte das Correntes. Dende este punto accederán tamén á AP9 os que se circulen dirección Santiago. Pola súa banda, pola rotonda de Bombeiros pasarán só os coches que cheguen a Pontevedra dende Santiago. Tamén os que queiran acceder á autoestrada en dirección Vigo.

Tamén haberá unha conexión directa dende a saída da AP9 cara a PO531 en dirección Vilagarcía. O treito final de Domingo Fontán pasará a ter catro carrís entre a Ponte das Correntes e a rotonda de Bombeiros. Ademais, o proxecto contempla a construción dunha senda peonil dende A Barca cara a Xunqueira de Alba.

O proxecto está orzamentado en case 11 millóns de euros, despois de que a contía tivera que ser revisada para axustala ao incremento de prezos dos últimos meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí