Carril dálle a benvida ao ‘mellor albergue de Galicia’

VILAGARCÍA> Remataron as obras do albergue de peregrinos de Carril, en Vilagarcía. O resultado é un edificio moderno e funcional que dará acollida ás persoas que camiñan pola ruta xacobea do Mar de Arousa. A reforma do inmoble supuxo un investimento de 600.000 euros, financiados pola Deputación de Pontevedra. O Concello fai un chamamento á Xunta para que o dote de mobiliario canto antes.

O que ía se-la ampliación da Casa da Cultura de Carril, en Vilagarcía, acabouse convertendo neste albergue de peregrinos da ruta xacobea do Mar de Arousa. A remodelación supuxo a súa conversión nun inmoble moderno e accesible e con vistas a Cortegada. Eses traballos, dirixidos polo arquitecto municipal Iago Fernández, acaban de rematar.

A obra foi posible grazas a unha partida de 600.000 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A súa presidenta salientaba hoxe a utilidade desta liña de achegas aos concellos, garantindo a súa autonomía e permitindo destina-los recuros a onde os goberno municipais queren. A socialista amosouse entusiasmada co resultado do proxecto.

Carmela Silva aproveitou para reflexionar sobre o revulsivo que supón o Camiño para esta zona.

Un albergue, dixo Silva, de quinta xeración que contempla tódalas prestacións que precisan os peregrinos para facer máis cómoda a súa estadía, con zonas de descanso, aseo, comedor e tamén zonas de lavandería e almacenaxe de bicicletas. O que non ten, de momento, é o mobiliario. O alcalde pídelle celeridade á Xunta.

Para iso, o Concello vai solicita-la integración destas instalacións na rede pública de albergues do Camiño que xestiona o goberno galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí