Igualdade de oportunidades e visibilizar o antixitanismo: as principais reclamacións polo Día do Pobo Xitano

PONTEVEDRA> Hoxe en Pontevedra conmemorouse o Día Internacional do Pobo Xitano que se celebra cada 8 de abril. Xunto coa Fundación Secretariado Xitano, o concello despregou a bandeira xitana no balcón da Casa da Luz. Tamén se deu lectura a un manifesto, no que os participantes esixiron igualdade de oportunidades e visibilizar o antixitanismo que, aseguran, aínda persiste en diversos eidos da sociedade.

Reclamar igualdade de oportunidades para o pobo xitano e visibilizar o antixitanismo que aínda se atopa en diversos eidos sociais. É a reclamación que hoxe se fixo oír dende a Casa da Luz de Pontevedra co gallo do Día Internacional do Pobo Xitano.

O acto conmemorativo comezou co despregamento da bandeira xitana do balcón do edificio municipal. Despois, os participantes leron un manifesto coas súas demandas. Facendo especial fincapé na discriminación que aínda se atopan no mundo laboral.
Pola súa banda, o alcalde recordou que en Pontevedra o concello conmemora o Día Internacional do Pobo Xitano dende o ano 2017. Unha acción que foi pioneira a nivel estatal.

Fernández Lores tamén puxo en valor o traballo conxunto que o concello realiza coa Fundación Secretariado Xitano dende a súa implantación na cidade no ano 2001. Unha relación que se materializa a través de convenios anuais enfocados principalmente na formación.