O CDG achegará a Ribeira o clásico ‘Memorias dun neno labrego’ baixo a dirección de Cándido Pazó

RIBEIRA> O auditorio de Ribeira acollerá o venres 6 de febreiro a representación de Memorias dun Neno Labrego, unha adaptación do clásico de Neira Vilas. A obra está producida polo Centro Dramático Galego e baixo a dirección artística de Cándido Pazó.

Este venres sairán á venda as entradas para poder ver en Ribeira a readaptación dun clásico da literatura galega. O Centro Dramático Galego achegará ata a vila barbanzá ‘Memorias dun Neno Labrego’ no marco da súa xira por sete vilas galegas trala súa estrea en Compostela.

Cun elenco de luxo composto por Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos, o director Cándido Pazó reinterpreta a obra de Neira Vilas dende unha nova perspectiva que alude á memoria colectiva a través da propia memoria de Balbino.

As entradas, a cinco euros, poderán adquirirse tanto na taquilla.com como na Oficina de Atención Cidadá do concello.