RIBEIRA> Primeira xornada do xuízo polo accidente mortal acontecido en Palmeira en maio de 2019 que acabou coa vida de Sara Lampón e Abraham Muñiz. A acusada de causar o sinistro prestou declaración alegando que non recordaba os momentos previos á fatal colisión.
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña acolleu esta mañá a primeira das sesións polo accidente mortal rexistrado en Palmeira en maio de 2019. A acusada, María del Pilar Fernández Patiño, afirmou na súa declaración non lembrar nada dos instantes previos ó sinistro.
Recoñeceu que na fatídica xornada consumira alcol, concretamente tres viños pola mañá, pero que á unha e media da tarde tomou un medicamento antidepresivo e se deitou. Pola tarde colleu o coche para dirixirse dende o seu domicilio en Aguiño ata unha consulta médica en Palmeira. Non chegou, no límite entre Ribeira e A Pobra, o BMW que conducía colidiu frontalmente co Seat no que viaxaban Abraham Muñiz e Sara Lampón, que faleceron practicamente no acto.
Segundo se recolle no informe realizado polo equipo de reconstrución de accidentes da Garda Civil de Tráfico, o vehículo circulaba a unha velocidade duns 130 quilómetros por hora no momento da colisión, dobrando o límite de velocidade permitido nesa zona, e que invadiu o carril contrario, chocando contra o turismo no que viaxaban os dous mozos falecidos.
A acusada rematou a súa declaración pedindo perdón ás familias das vítimas, desexando ter morto ela en lugar das dúas vítimas. O xuízo continuará coa declaración dos testemuños e peritos ata o mércores cando un xurado popular deberá emitir o seu veredicto.